Pepe Papeles, un mozo da rúa do Pexigo
Para entender a José Villaverde temos que remontarnos á súa infancia en Santiago de Compostela, onde viviría ata recén entrado na idade adulta. Por razóns políticas vese na obriga de marchar a traballar a Vigo, onde coñece a Ricardo Mella.
finais do século XIX Santiago de Compostela era unha cidade conservadora, lúgubre e cunha influencia eclesial inmensa que non superaba os 25.000 habitantes censados. Unha cidade pobre para as clases máis baixas. Na Memoria da Xunta local de Sanidade de 1894 recóllese: «A alimentación desas clases [obreiras] está reducida a pan de millo ou centeo e a unha mestura de verduras e patacas cun pouco de graxa ou touciño, probando rara vez a carne; é en extremo deficiente, e fai pensar con tristura no miserable estado en que se acha un elemento como o obreiro, de tan vital interese para o desenvolvemento e adianto dun pobo (...) As vivendas son reducidas e pouco aseadas, habitando con frecuencia en amigable consorcio os animais domésticos e as persoas; non dispoñendo en bastantes casos máis que dunha cama para seis ou sete persoas, e resultando ademais amoreadas as vivendas como sucede na Rúa de San Pedro e rúas inmediatas». Preto desa rúa nacía Villaverde, un rapaz da Rúa do Pexigo de Arriba.
Un rapaz ao que, como lembra a súa filla, Maryluz Villaverde, os seus coñecidos chamaban Pepe Papeles. Villaverde viviu ata ben entrada a adolescencia en Santiago e axiña destacaría sobre os demais. Dionisio Pereira, que se achegou á súa figura como un historiador e agora o ve como amigo moi próximo á familia, comenta que Villaverde «era moi listo, moi adiantado ao resto dos alumnos. Gustáballe moito ler e empezou a traballar moi novo». Villaverde tivo os seus primeiros empregos en distintos talleres de Santiago, cando el conta con 15 anos. Eran os primeiros anos do século XX e o movemento sindical empeza a despuntar, tamén na conservadora Compostela. Dionisio Pereira explica que a xeración de Villaverde empeza a ser un referente despois da Primeira Guerra Mundial; ata entón a xeración de referencia é a xente como José Pasín.
A
por
Villaverde deseguida se involucra co movemento obreiro de Santiago, faino a través do Sindicato de Carpinteiros, o mellor organizado da cidade; un sindicato de corrente libertaria, a diferenza do resto, que son máis de pensamento marxista. Involúcrase neste sindicato con Pasín como referente. «Nel ve unha especia de figura paterna ideolóxica á que pronto acaba superando, xa que Villaverde irá achegándose a postulados máis libertarios que Pasín segue observando con dúbidas» explica Pereira.
Villaverde empeza a despuntar no mundo sindical a partir das diversas folgas de 1917 nas que o Sindicato de Carpinteiros tivo un papel relevante. Especialmente importantes son as de agosto, durante as cales José Pasín se ve obrigado a esconderse e Villaverde o substitúe como máximo referente. Tiña 23 anos.


Pero Villaverde, como tantos outros traballadores, viuse obrigado a marchar de Santiago despois das folgas de 1917. Estaba inscrito nunhas listas negras xunto con decenas de traballadores aos que se lles prohibira dar emprego. Remata aí a súa etapa compostelá, un período de formación e aprendizaxe. Marcha para Vigo, e do mundo da carpintaría, do traballo manual, pasa a estar en contacto co mundo do mar e cuns sindicatos máis fortes e organizados, moito máis próximos ao movemento libertario. Imprescindible nesta nova etapa é a figura de Ricardo Mella, outro dos seus pais.
Portadas do xornal La Correspondencia de España dos días 16 e 17 de agosto de 1917
![]() |
---|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |