A difteria e o seu tratamento
Conchita Ruiz Picasso foi un dos moitos nomes que no século XIX pasaron a engrosar as listaxes de mortos por mor dalgunha enfermidade infeciosa. A difteria é unha desas grandes descoñecidas. Producida pola Corynebacterium diphteriae, afecta ás vías respiratorias e pode danar outros órganos coma riles, cerebro e corazón.
D
por
ifteria, unha enfermidade causada por un bacilo, o bacilo de Löffler en honor ao seu descubridor. A detección do axente produtor da doenza prodúcese, tal e como apunta Xosé Ignacio Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, «nos comezos da microbioloxía, cando se determina que as enfermidades infecto-contaxiosas son provocadas por uns bichiños, moi pequeniños, microscópicos que antes non se vían». Os antigos microscopios non tiñan a capacidade óptica suficiente para visualizalos. Unha vez descuberta a enfermidade, fíxose necesario atopar cales eran as vías de contaxio, os síntomas habituais e as posibles solucións para pórlle freo. Carro Otero sinala, a este respecto, que, na época na que enfermou Conchita, os nenos eran sector de risco e pouco había que facer unha vez que se manifestaba o mal do garrotillo.
Para tratar de comprender o que pasou coa irmá de Picasso é necesario tratar de explicar en que consiste a difteria. O profesor Carro Otero facía o seguinte resumo:
A finais do século XIX existían, tal e como alude o profesor Carro Otero, as primeiras medidas contra a enfermidade. Porén, o seu uso na Coruña non estaba estendido. O soro antidiftérico do doutor Roux comezaba a aplicarse na capital do país. No ano 1894, en Madrid, o doutor Vicente Llorente salvaba a vida a un neno chamado Antoñito O´Neill. Porén, a sorte de Conchita sería moi distinta. O Doutor tan só puido administrarlle paliativos e agardar. Neste tipo de casos desesperados, adoitaban aplicar a traqueotomía, unha apertura da gorxa. Non está esclarecido que se utilizase esta medida no caso da irmá de Pablo Picasso e o profesor Xosé Ignacio Carro Otero non entende o por que.
É fundamental entender a diferencia entre o soro antidiftérico e a actual vacina. A vacina é preventiva, xera uns anticorpos que impiden que a enfermidade chegue a manifestarse. Porén, o soro era aplicado unha vez que o bacilo estaba instalado no organismo. É esta a razón de que esta enfermidade estea practicamente extinguida. Imos, a continuación, explicar como se orixina e cal é a composición dese soro antidiftérico do que Conchita non puido desfrutar.

Fotogravado do Doutor Llorente e o neno Antoñito O'Neill. Ano 1894 | Fonte: grabadoantiguo.com