«Mella cría que antes de nada era necesaria unha transformación interna dos individuos previa a unha transformación da sociedade. Eles entenden que esa transformación debe darse a través da educación.»
Antón Fernández:
A influencia dun home honesto

Pablo Díaz.- Se tivera que resumir quen foi Ricardo Mella, que sería o primeiro que contaría del? Sabendo que se trata dunha pregunta difícil de responder…
Antón Fernández.- Ricardo Mella é un vigués nacido en 1861, inicialmente moi vinculado por influencia de seu pai a ideais federalistas de Pi e Margall, logo da o salto ao pensamento libertario ou anarquista. Nese sentido podemos dicir que é o tradutor da primeira tradución de Dios y el Estado de Bakunin. Como anarquista… Non é tanto un anarquista de acción, senón máis ben nun sentido teórico e de animación do que é a prensa anarquista da época.
P.D.- Unha prensa na que tanto el como Villaverde viron un medio a través do cal achegarse máis ás clases traballadoras.
A.F.- Tiñan unha relevancia moi importante na época se pensamos no alto índice de analfabetismo que había no país. Estes folletos servían para unha lectura comunitaria en ateneos ou distintas asociacións obreiras.
P.D.- Os seus son uns escritos a través dos que podemos achegarnos á súa figura e comprender mellor como entendía o anarquismo e como entendía o movemento obreiro.
A.F.- O seu pensamento é difícil de artellar en conxunto. A súa é unha escritura de combate. Son artigos de prensa que están moi vinculados co día a día do desenvolvemento do movemento obreiro, neste caso vinculado a ideas anarquistas da época. Un pensamento que recepciona moitas das ideas do anarquismo europeo do momento. A súa función é traducir esas grandes ideas en artigos de prensa para ese estilo de prensa do que falabamos.
P.D.- En Villaverde atopamos varias etapas na súa vida: Santiago de Compostela, Vigo (na que coñece a Mella) e logo, con menor incidencia, Coruña. Sucede o mesmo no caso de Ricardo Mella?
A.F.- Hai unha primeira etapa ata finais do XIX onde el está moi vinculado ás ideas dos anarquistas máis clásicos. E a partir de inicios de século toma un certo xiro a un anarquismo moito máis personalista, máis de convención. Un anarquismo máis vinculado a ideas de tipo pacifista. Unha primeira etapa na que, como o anarquismo en xeral, pensa que os actos de violencia poden acelerar a transformación da sociedade da época. Pensamento que abandona no cambio de século por ese anarquismo mais calmoso, mais meditado. Máis pensado no sentido de que o importante é a transformación dos individuos como paso previo á transformación da sociedade.
P.D.- Causoulle problemas esa posición respecto do emprego da violencia?
A.F.- Aí hai unha etapa de cinco anos onde desaparece da actividade pública, un pouco en disconformaidade coa etapa máis violenta do anarquismo español. Unha actividade que retoma en 1908 e que engarza un pouco co xurdimento do que será a CNT.
P.D.- Despois de estar varios anos traballando fóra, volve a Vigo en 1912 para tirar a liña de tranvías da cidade. Coincide con eses anos o inicio da Primeira Guerra Mundial que enfronta a dous bandos do anarquismo, como os vive Mella?
A.F.- Nos anos da Primeira Guerra Mundial, no movemento anarquista europeo establécese unha disputa entre aliados e neutralista, quen apoiaban a intervención na guerra fronte a quen postulaban unha neutralidade total e absoluta. Desa disputa triunfa a idea neutralista, Ricardo Mella [que non apoiaba as teses neutralistas] abandona toda actividade pública para centrarse exclusivamente na súa labor de xerente da empresa de tranvías de Vigo.
P.D.- En Vigo traballa tamén nunha axencia marítima que lle fai estar en contacto cun dos principais dramas da Galicia do século XX, a emigración. Sobre este tema escribe varias pezas, xa que sobre el estará interesado toda a súa vida.
A.F.- Si, a raíz dese traballo escribe un dos seus primeiros folletos (un artigo extenso) sobre a emigración en Galicia, considerado na época como o mellor traballo sobre a emigración e polo que se gañou o recoñecemento do mundo intelectual. Un artigo onde, pensando no que era a consideración da emigración da época, os galegos emigrábamos polo noso afán de aventura; Mella centra o núcleo do seu traballo nas causas reais: a cuestión social da Galicia da época, pobreza e minifundismo.
P.D.- Marchou de Galicia (foi desterrado 4 anos) por unha disputa co Marqués de Elduayen. Ricardo Mella recolle no diario para o que traballa unha información na que se acusa a este Ministro de Ultramar e presidente do Banco de España de desfalco durante a súa presidencia… Acaba sendo condenado e desterrado. Marcha para Sevilla, de alí a Asturias… Ata que punto inflúe no seu pensamento o feito de coñecer a realidade social de zonas de España tan diferentes?
A.F.- As tres grandes zonas onde el se sitúa (Galicia, Andalucía e Asturias) non deixan de ser zonas dun predominio agrario, ou logo no caso da Asturias, mineiro… Nese sentido, Mella, dese republicanismo inicial, acaba pasando á idea máis clásica de anarquismo de negar todo tipo de Estado: algunha frase del vén a explicar a idea de ‘por moi reducido que sexa o estado segue sendo poder e por tanto hai que negalo’. Como a maioría do anarquismo da época rompe con esa idea de federalismo, e se afasta desa idea.
P.D.- No caso de Villaverde vemos un interese especial na defensa dunha clase obreira culta e educada, unha filosofía que teño entendido adquire de Ricardo Mella…
A.F.- Ese é un rasgo dos persoeiros, dos teóricos, menos vinculados a acción do sindicalismo puro e duro. Unha liña que todos defenden. Sobre todo esa idea, ese cambio na traxectoria de Mella, que antes de nada era necesaria unha transformación interna dos individuos previa a unha transformación da sociedade. Eles entenden que esa transformación debe darse a través da educación.
P.D.- A través dunha educación que eles mesmos fomentaban a través dos seus escritos, tanto Mella como Villaverde contan con numerosas publicacións e teñen un especial interese na prensa escrita.
A.F.- Si, porque neses momentos a única forma de comunicación era escrita, con todas a súas dificultades. De aí esa necesidade de que en cada pequeno espazo houbese un folleto. Algo que se suma ao elevado índice de analfabetismo. Ese escritos serven para educar, como labor pedagóxica, que era a súa función básica.
ntón Fernández Álvarez, biógrafo do pensador vigués Ricardo Mella, autor da obra Ricardo Mella o el anarquismo humanista (Antrophos, 1990), recíbenos nun despacho da Facultade de Dereito da USC, entre pilas de exames da Selectividade que aínda están por corrixir. Charlamos sobre Ricardo Mella, anarquismo e sobre a importancia que tivo este pensador no mundo libertario.
A
por
Pablo Díaz
O historiador e biógrafo Antón Fernández | Pablo Díaz