top of page

O descoñecido de 1854

 

Galicia padeceu dúas graves epidemias de cólera durante a primeira metade do século XIX. Non obstante, habería que agardar ata finais de século para averiguar en que consistía a enfermidade. Deste xeito, en 1854 os tratamentos que receitaban os médicos non eran eficaces... 

P

ese a que a cifra oficial de falecidos durante a epidemia de cólera de 1854 de A Coruña está aínda por esclarecer -oscila entre os 2.500 e os 5.800, dunha cidade de 24.000 habitantes- , o feito é que asolou unha poboación en apenas 81 días. En gran parte, a estrepitosa cifra de finados debeuse á ignorancia con respecto á transmisión e tratamento da enfermidade. Comezando polo Vibrio cholerae (vibrón colérico), isto é, a bacteria causante da súa transmisión, a cal foi descuberta en 1884.

 

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o cólera morbo é unha infección diarreica aguda causada pola inxestión de alimentos ou auga contaminados co bacilo Vibrio cholerae, cuxo periodo de incubación fluctúa entre dúas horas e cinco días.

 

 

Como se transmitía o cólera en 1854?

«A transmisión do cólera faise, fundamentalmente, por un bacilo que ten que ver coas feces, de maneira que o mal tratamento (ningún tratamento) das augas residuais fai que o vibrón colérico, que é o axente productor, se mesture no terreo e, por tanto, contamine as zonas de cultivo. Sobre todo, as dos vexetais que se comen crus, porque as dos que se cocen aínda poden salvarse, porque o vibrón morre pola calor. Pero, por exemplo, o que se come cru queda contaminado e, naturalmente, produce os trastornos debidos sempre, fundamentalmente, no aparello dixestivo. De maneira que a xente morría por deshidratación, xa que estaba presa de diarreas furibundas, moi líquidas», explica o actual presidente da Real Academia de Medicina, Xosé Carro Otero.

Cales son os síntomas do cólera morbo?

 

O cólera é unha enfermidade moi virulenta que afecta tanto a nenos como adultos e que pode ser mortífera en cuestión de horas se non se trata correctamente, tal e como acontecía durante a epidemia de 1854.

 

Segundo datos da OMS, o 75% dos infectados non presenta síntomas, pese a que o bacilo si que está presente nas súas feces fecais durante unha ou dúas semanas despois da infección. Ademais, ao voltar ao medio ambiente, outras persoas poden resultar infectadas.

 

De entre as persoas que presentan algún síntoma, para 8 de cada 10 estes oscilan entre leves e moderados. Por contra, 2 de cada 10 padecen diarrea acuosa aguda con deshidratación grave; estas persoas teñen que ser tratadas ou poden chegar a falecer. Así describe o doutor Carro as manifestacións máis graves que pode ocasionar o cólera morbo:

 

«Entre outras manifestacións graves, o cólera produce vómitos e diarreas profusísimas, de maneira que a xente pasa o tempo no cuarto de baño ou na cama, índose por si e con deposicións líquidas. Nunha palabra: deshidrátase».

Carro transmisión cólera
Carro síntomas
Carro mal tratamiento
Áurea ignorancia

Cal era o tratamento en 1854?

 

En 1854 non se coñecía a natureza do axente produtor do cólera morbo, polo que era lóxico que o tratamento indicado polos médicos da época non fose o axeitado. Así reflexiona o doutor Carro Otero: «Naquel tempo teño encontrado recomendacións feitas para os doentes nas que os médicos contradecían que se lles dera auga. De maneira que un individuo que está con deshidratación pavorosa polas diarreas coleriformes, se non se lle repón o líquido, morre absolutamente seco coma unha pasa, diríamos.»

O emprego de sambesugas era outra práctica que non servía para tratar con eficacia a enfermidade, senón que a agravaba. Todas estas accións efectuábanse, en palabras da investigadora Áurea Rey, pola «ignorancia» da época:


«La impotencia que tenían los seres humanos en aquel momento; la ignorancia que, por otra parte, era un factor tremendo para la propagación de la enfermedad. El no saber ni de dónde venía ni cómo hacerle frente. Ahora ves que les ponían sanguijuelas a unas personas que estaban absolutamente débiles, pues no comprendes.»

Actualmente, os tratamentos son varios:

 

  • Administración de sales de rehidratación oral. O 80% dos casos son tratados deste xeito.

  • Líquidos intravenosos e antibióticos, para os enfermos gravemente deshidratados.

  • Dous tipos de vacinas anticoléricas orais, elaboradas a base de bacilos mortos, para os grupos vulnerables que viven en zonas de risco elevado.  A vacina Dukoral outorga unha protección a curto prazo (de catro a seis meses despois da súa aplicación) dun 85% a 90% contra o Vibrio cholerae. O outro tipo, a Schanchol, protexe a máis longo prazo e aplícase a nenos menores de cinco anos.

 

Como último dato, a OMS estima que actualmente hai entre 3 e 5 millóns de casos de cólera no mundo e entre 100.000 e 120.000 finados.

© 2015

bottom of page