top of page

on José sentía auténtica adoración pola súa filla pequena. Cando a miraba aos ollos era como voltar ao pasado, como mirarse cara a cara no espello do tempo; eran prácticamente idénticos. Un agasallo que a xenética lle quixera brindar ao Inglés. A morte de Conchita destrozou os nervios do cabeza de familia. Un palo máis para engrosar a súa longa lista de problemas. A perda de visión, o reuma que lle impedían rematar as súas obras, os problemas no Instituto da Guarda, o escaso soldo que entraba na casa e agora a morte. Estaba decidido, marchaban da Coruña. Chegaran cinco e partían catro. Sabemos que Conchita foi enterrada o día 12, trasladada desde a sala de autopsias na que permanecía dende o seu pasamento o día 10. Conchita tiña 7 anos e 2 meses, por lei lle correspondía ocupar o cuarto departamento do cemiterio, asociado á parroquia de Santa Lucía, á que pertence o domicilio familiar. Porén, percorrendo palmo a palmo a ubicación non hai rastro do seu nome. Todo tipo de especulacións xurdiron ao respecto da ubicación da pequena Conchita: desde que compartía cadaleito con Juana de Vega até que o facía con Don Ramón Pérez Costales. O arquivo do camposanto non conserva documentos de enterramentos anteriores a 1900. Porén, hai pistas que arroxan luz sobre o misterio. O día 3 de abril de 1895 Don José Ruiz Blasco solicitou a colocación dunha cruz na sepultura de Conchita. Cruz que endexamais chegarían a ver. Foi trala súa marcha a Barcelona, unha vez aprobada a permuta da praza na escola con Román Navarro, o día 8 de xullo. Buscamos a cruz; seguimos sen ter rastro dela.

 

Onde está Conchita?

 

Sabemos que Conchita faleceu de difteria o día 10 de xaneiro de 1895. Así consta no Arquivo, así consta no Rexistro e nas páxinas dos xornais locais. Sabémolo tamén porque o transmiten os lienzos do seu irmán maior, naquel momento Pablito e agora Pablo Picasso. É un feito, tamén, que recibiu sepultura no cemiterio de Santo Amaro da Coruña. O punto exacto do descanso eterno de Conchita é, a día de hoxe, un misterio. Nin unha cruz, un sinal... tan só os ecos, as voces do pasado que reberveran con teima nos muros do camposanto.

Pie de foto | Fonte:

D

Rubén Ventureira e Elena Pardo explican como na folla de defuncións da parroquia de Santa Lucía, Conchita figura inscrita como párvulo. Os párvulos eran os menores de sete anos e pese a que Conchita rebasaba esa idade así foi rexistrada. Isto é moi significativo xa que o camposanto conta cunha zona de enterramento para os menores de 7 anos. Xusto na entrada do camposanto, ao baixar as escaleiras, onde anos atrás había unha foxa común polos mortos nunha epidemia de tifus. Alí debe estar Conchita. Alí debeu colocarse a cruz, xa que a situación amosa que a familia Ruiz Picasso só podía optar a este modo de enterramento, o gratuíto. Naquela época existían catro formas de enterramento.

A cruz custou 30 pesetas ao pai de Picasso, unha cifra importante tendo en conta a modestia do seu soldo como mestre. Tivera que pedir un anticipo para facer fronte ás medicinas da pequena. Isto explica porque demorou tanto a compra da cruz, que tiña unha vixencia de dous anos de duración. Ninguén pagou a renovación da mesma e o reglamento é claro a este respecto. De non pagar a cruz e os restos, de non estar consumidos, serán retirados para deixar paso a outros novos. Non está claro se os de Conchita permanecen no primeiro departamento ou se foron trasladados. Unha cousa é clara. Hai ADN Picasso no primeiro departamento do camposanto. Conchita evapórase na nada en Santo Amaro e para Pablo quedará o todo. O chan para Conchita e o ceo para Pablito. En Santo Amaro xacen os anxos e os demos do pai do cubismo, de Pablo Picasso. 

Cruz e marcha

© 2015

bottom of page